Principal
Prólogo
Introducción
Clasificación
Aerófonos
Cordófonos
Membranófonos
Idiófonos
Obradoiro
Artesáns
Bibliografía
Discografía
Ligazóns
Músicos
Agradecementos
Contacto
             

     Instrumentos Galegos Moisés Quintas Suárez

         

  

Cordófonos

Zanfona ] [ Violín ]

 

  • Violín

           

 

 

 
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O violín representa en Occidente o remate da evolución dos cordófonos de arco, xa que baixo un aspecto sinxelo, escóndese un instrumento dunha construción extraordinariamente perfecta.

Pertence aos instrumentos de corda fretada, e está formado por un corpo oco de madeira resonante, xunguido a un mastro e a un caravilleiro. Ten catro cordas que afinan por quintas: sol, re, la, mi.

O corpo distínguese por ter ombreiros redondeados onde se xunta co mastro, e uns arcos centrais pronunciados, que permiten que se pase libremente o arco cando se tocan as cordas dos extremos.

Un amplo diapasón sen trastes sobre o mastro emprégase para pisar as cordas cos dedos da man esquerda.

Un arco, coa súa cinta de crina de cabalo enresinada, pon as cordas en movemento, e esta vibración das cordas transmítese por medio da ponte á tapa e ao corpo resonante, que produce o son característico do instrumento.

Entre os seus antecedentes atópanse a “fídula ou viola”, o “rabel” e a “lira da braccio” medievais.

 

 

Viola oval e viola en oito no Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense. s.XIII.

 

 

Viola oval de arco e guitarra latina na miniatura n.º 10 e o rei David tamén cunha viola de arco na n.º 100 das Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio. S.XIII.

No 1520, a xulgar pola iconografía da época, existía o violín, mais aínda con só tres cordas. Un aparece nun cadro de 1529 de Gaudenzio Ferrari. No 1550 xa se engadira a cuarta corda, a prima en Mi.

O violín naceu probablemente en Cremona e Brescia. Andrea Amati (antes de 1511 - antes de 1580), que fundou a escola de construción de violíns en Cremona e consolidou alí a súa preeminencia, desenvolveu as proporcións básicas do violín, a viola e o violonchelo. Os seus fillos Antonio (1540-?) e Girolamo (Hyeronimus) (1561-1630), continuaron coa súa obra, refinando o estilo do perfil do corpo, as efes, os filetes e a voluta.

Antonio e Girolamo traballaron xuntos e chegaron a pór etiqueta conxunta aos seus instrumentos.

No 1562, Gasparo da Salò (1540-1609) trasladouse de Salò a Brescia, onde xa existía unha tradición de construción de laúdes, violas da gamba e instrumentos de teclado. Aquí construíu Gasparo moitas e fermosas violas tenor, violíns e contrabaixos con elaborados debuxos xeométricos copiados e modificados polos construtores de toda Europa. Un discípulo de Gasparo, Giovanni Paolo Maggini (1580-1632) converteuse no construtor de violíns e violonchelos máis famoso de Brescia e a súa obra foi de gran influencia nos construtores do s.XVII.

A colocación da ponte e a lonxitude de vibración das cordas, tamén variou cando os construtores intentaron mellorar a calidade do son producido polas cordas de tripa.

Cando morre Girolamo Amati no 1630, seu fillo Nicolo (1596-1684) converteuse no construtor máis destacado de Italia. A demanda de violíns de Nicolo obrigouno a crear todo un taller con aprendices a partir de 1640. O seu desenvolvemento das formas e doutros detalles do arqueado, convertéronse nunha mellora do timbre e a súa influencia como profesor, creou unha nova xeneración de construtores de gran talento, incluídos Andrea Guarneri, Francesco Rugeri e Antonio Stradivari.

Foi Antonio Stradivari (1644-1737), quen refinou e finalizou a forma, a simetría e a beleza do violín. Está recoñecido universalmente como o máis grande construtor de violíns da historia. A partir do 1690 deixou os modelos populares de Amati, creando o violín de “diseño largo” (36’2 cm). Na mesma década, a tecnoloxía das cordas deu un salto adiante cando as cordas de tripa se recubriron de arame metálico. As cordas entorchadas creaban unha resposta e unha concentración do son máis rápidas, grazas ao aumento da masa e da tensión, o que permitía que o rexistro máis grave se concentrara moito máis cunha lonxitude de vibración menor.

Consciente das implicacións de concentrar o son cas novas cordas entorchadas a unha maior tensión, Stradivari abandonou o “diseño longo” a partir de 1700, creando un novo modelo de exactamente 35’5 cm con arqueamentos fortes e máis planos. Este modelo da nova forma, marcou o patrón de excelencia até a actualidade. O que se denominou período dourado de Stradivari estendeuse desde 1700 até despois de 1724.

A pesar dos cambios e innovacións, os violíns de Nicolo Amati e Jacob Stainer seguiron sendo os instrumentos máis desexados até finais do s.XVIII.

No s.XIX consolidouse firmemente o violín básico que se emprega na actualidade. O arco moderno fora inventado por François Tourte (1747-1835) cun peso, unha largura e un equilibrio capaz de acadar un incremento da forza coas tensións máis altas do violín.

O grosor combinado do mango e o mastro, xunto coa invención da barbada por parte de Spohr cara ao 1820, fixo que coller o instrumento e cambiar de posición coa man esquerda resultara máis doado, deixando o camiño amañado para a moderna técnica de execución.  

En Galicia, a súa inclusión na música popular veu da man dos cegos, que o empregaron para acompañar os seus romances, do mesmo xeito que a zanfona, nas feiras de vilas e cidades, pasando así a formar parte dos populares "cantos de cego".

Os copleiros da rúa. Francisco Zagala, 1890. Museo de Pontevedra.

A técnica que empregaban era moi básica, e dada a dificultade que o instrumento ten na súa execución e afinación, non pasaban de facer sinxelas melodías na primeira posición e algunhas cordas dobres para se acompañar a xeito de bordón.

Un dos derradeiros cegos foi Florencio, o cego dos Vilares, ao que podemos escoitar en gravacións caseiras feitas por músicos conscientes do valor que estes cantos tiñan e teñen para a nosa cultura.

Cómpre destacar os traballos:

"Cantos, Coplas e Romances de cego", Libro-CD con dous volumes, nos que aparecen gravacións de Florencio. Os autores son Xosé Luis Rivas e Baldomero Iglesias, máis coñecidos no panorama musical galego como "Mini e Mero", ambos fundadores do grupo "Fuxan os Ventos" e actualmente membros do grupo folk " A Quenlla".

"Florencio o cego dos Vilares", CD do músico Pancho Álvarez no que interpreta romances de cego que o propio Florencio lle ensinou e no que imita a técnica de violín que estes músicos empregaban.

 

 

Florencio, O Cego dos Vilares.

 

 

 

 

 

 

 

 

VOLVER