Principal
Prólogo
Introducción
Clasificación
Aerófonos
Cordófonos
Membranófonos
Idiófonos
Obradoiro
Artesáns
Bibliografía
Discografía
Ligazóns
Músicos
Agradecementos
Contacto
             

     Instrumentos Galegos Moisés Quintas Suárez

          

Aerófonos

Lingüeta

[ Simple ] Dobre ] Mixta ]

 

 

 

   
Filharmónica cromática
  • Filharmónica

           

                     

Filharmónica diatónica

 

 

 

 

 

 

 

A orixe dos instrumentos de lingüeta libre, como a filharmónica ou o acordeón, remóntase aos órganos soprados orientais. Estes consisten nuns tubos con lingüetas conectados a un depósito que serve de compartimento e distribución do aire. Ao soprar, os tubos soan ao tapar o burato que ten cada un deles.

Estes órganos de sopro son moi populares en Oriente e datan do ano 3000 a.C.

É no 1821, cando Friedrich Buschmann constrúe o "Aura", que será o antecesor da actual filharmónica.

No comezo tiña quince notas e logo engadiu cinco máis, que soaban grazas á presión e á aspiración alternativa a través dun orificio. Máis tarde coñeceuse co nome de "Mund-harmónica" (harmónica de boca).

O reloxeiro Christian Messner, conseguiu unha e adaptouna facendo a súa propia versión do instrumento; seguírono en 1855, C. Weiss e dous anos máis tarde M. Hohner, compañía que absorbeu finalmente ás demais.

O instrumento consta dunha caixa plana e rectangular, de madeira e metal de lonxitude variable, dividida ao longo en compartimentos ou buratos con dúas lingüetas libres metálicas cada un, que reaccionan á inspiración do instrumentista unha, e á expiración a outra. Cada unha produce unha nota distinta.

En 1920, engadíuselle un dispositivo deslizante de afinación que as converte en cromáticas. A máis importante, ten catro lingüetas por burato: dúas para as notas naturais e dúas con semitóns cromáticos para o transporte.

En Galicia acadou sona a nivel popular sendo tamén un instrumento moi empregado por nenos, dado que non custa moito diñeiro e pódese comprar en calquera feira. Hai xente que acada gran dominio, chegando a facer a melodía e o acompañamento ao mesmo tempo, cunha técnica de lingua, que mesmo semella un acordeón.

A que máis se emprega popularmente é a diatónica. 

 

 

Francisco Morgade, caixa dos gaiteiros Os Feixós de Carpazás, Bande, tocando a filharmónica.

 

 

 

  • Acordeón

 

  

                      

 

 cromático

 diatónico

Seguindo o principio da lingüeta libre, constrúese o primeiro acordeón, case ao tempo que a filharmónica, xa que o mesmo F. Buschmann (Berlín 1822), engadiu foles manuais e un teclado de botóns á súa Aura (antecesora da filharmónica).

En 1829 C. Demian en Viena, inventa un "accordión" cunha fila de teclas para o canto, que correspondía á man dereita, e algunhas teclas para os acordes que se pulsaban coa man esquerda. 

Esténdese por Europa e intégrase nos diferentes folclores rexionais e nas danzas populares.

No 1850 o acordeón pasa a ser cromático e o italiano Mariano Dallope, substitúe os botóns da man esquerda por teclas de piano nalgúns modelos, aparecendo así o piano acordeón.

Así, o acordeón moderno está formado por dous teclados con dúas caixas de lingüetas libres metálicas, entre as que se atopa o fol de ventilación alterna que se acciona manualmente, permitindo un control constante da presión do aire.

Cando se obteñen dous sons diferentes, segundo se abra ou cerre o fol, o acordeón chámase diatónico; cando se obtén o mesmo son chámase cromático e soamente dá unha nota por tecla, independentemente da posición do fol.

Os modelos profesionais teñen un teclado de man dereita chamado "discanto", por ser onde se fai a liña melódica, con máis de tres oitavas cromáticas, e un teclado de "acompañamento" con cento vinte baixos (con botóns para acordes maiores, menores e de sétima diminuída).

Os teclados levan na parte dereita once rexistros agudos e na súa esquerda sete rexistros graves, cos que se pode modificar o son.

Tamén hai pequenos acordeóns piano con vinte e cinco teclas para o discanto e doce botóns para os baixos.

É un instrumento de gran popularidade en toda Europa, América e incluso Asia, e en moitos casos, tanto o acordeón cromático como o diatónico, adáptanse aos folclores locais.

 

Avelino Cachafeiro na gaita con dous acordeóns amenizando un baile familiar no Changüí, 1956. Foto Virxilio Viéitez.

En Galicia empregouse desde finais do s.XIX o diatónico e progresivamente impúxose a comezos do s.XX o cromático. 

Grazas ás súas cualidades, que permiten a un só músico facer a melodía e o acompañamento harmónico e até cantar, era o encargado de facer a festa desprazando incluso nalgúns momentos á gaita.

Foise popularizando ao mesmo tempo que os bailes de moda: valses, polcas, pasodobres…

Actualmente é moi frecuente velo acompañando á gaita en calquera tipo de formación: cuarteto tradicional, charanga, rondalla...

Tamén foi un instrumento empregado por cegos e mendigos.

 

Músicos ambulantes en Mondariz (Pontevedra) a finais do s.XIX.

 

 

 

 

  

  • Clarinete

               

 

 

O nome vén do latín "clarus".

Os aerófonos da familia do clarinete caracterízanse pola sección cilíndrica do seu tubo e pola lingüeta simple.

Na súa forma máis primitiva a lingüeta podía ser colocada directamente sobre o mesmo tubo.

Xa aparece no III milenio a.C. no antigo Exipto, estendéndose posteriormente polo mundo árabe e Europa.

Non é frecuente atopalo en Asia, mais si na África negra e algunhas rexións de Sudamérica onde presenta as formas máis elementais.

Na Idade Media empregábase un instrumento pastoril chamado "Chalumeau" (do latín “cálamus” = cana) de lingüeta simple e sección cilíndrica.

No s.XVIII, J. C. Demner substitúe o tubo da lingüeta por unha boquilla colocada sobre o tubo, dentro do cal se ataba a lingüeta. Deste xeito, a lingüeta pasa a estar en contacto directo cos beizos do instrumentista, facilitando a emisión do son.

Tamén se engaden dúas chaves que logo se aumenta a seis e posteriormente a trece no s.XIX. A mediados deste século impónse un sistema de chaves que T. Boehm ideara anos atrás para as frautas traveseiras.

Na actualidade empréganse varios tipos de clarinetes, xeralmente construídos en ébano.

Consta de cinco pezas encaixadas entre si:

  • boquilla, sobre a que se suxeita a cana cunha ligadura metálica ou de plástico.

  • barrilete, no que se introduce a boquilla e permite a afinación do instrumento.

  • parte superior, na que se atopa o mecanismo da man esquerda.

  • corpo inferior, para a man dereita.

  • Pavillón, fixo no extremo do corpo inferior.

Este clarinete acada unha extensión de tres oitavas e unha sexta e constrúese en tonalidade de La e Sib.Tamén hai un terceiro modelo en Do, moi estendido no s.XIX.

Temos ademais outras variedades de tamaños e tonalidades como o requinto, clarinete, contralto ou baixo.

É un instrumento no que se pode acadar un gran virtuosismo polo que logra un importante papel de solista.

Na música tradicional galega, foi empregado xa sobre o ano 1900 por grupos de gaiteiros como Os Trinta de Trives  ou O Ventosela de Ribadavia por nomear algúns.

O clarinete que máis se empregou foi o de trece chaves en Sib, xa que a dixitación en tonalidade de Re Maior, coincide coa da gaita en Do.

As bandas de música sempre gozaron de boa acollida popular na nosa terra, e moitos músicos de banda tamén eran gaiteiros, co que non é difícil imaxinar este bo entendemento entre a gaita e o clarinete.

Tamén moita música bailable como valses, pasodobres, mazurcas... foron pasadas deste xeito das bandas de música aos grupos de gaiteiros.

O seu timbre doce empasta moi ben co da gaita.

 

 

Os Trinta de Trives a finais do s.XIX.

VOLVER