Principal
Prólogo
Introducción
Clasificación
Aerófonos
Cordófonos
Membranófonos
Idiófonos
Obradoiro
Artesáns
Bibliografía
Discografía
Ligazóns
Músicos
Agradecementos
Contacto
             

     Instrumentos Galegos Moisés Quintas Suárez

         

     

Membranófonos

Unha membrana ] [ Dúas membranas ]

 

 
  • Tamboril

         

 

O tambor é un instrumento que existe en distintas culturas e en distintas formas e tamaños. A palabra "Tamboril" é diminutivo de tambor e xa se emprega desde a Idade Media.

Estivo vinculado ás ceremonias e rituais das primitivas civilizacións, que o asociaban á voz sagrada dos deuses, á palpitación da Terra, aos mitos da fecundidade e invocación das forzas sobrenaturais.

O tamboril, tal como nós o coñecemos, consiste nun corpo de madeira (piñeiro, nogueira...), cilíndrico e oco, e dous aros tamén de madeira, un por riba e outro por baixo, que suxeitan os parches de pel de cabrito.

Os dous aros están unidos entre si por unha corda que os percorre en zig-zag.

 O tamboril é o obrigado acompañante da gaita e o seu tamaño é variable.

Cando o tamboril era o único instrumento que acompañaba á gaita, o seu tamaño era maior producindo un son máis grave. Cando se empezou a introducir o bombo tamén no acompañamento da gaita, o seu tamaño foise reducindo cada vez máis buscando un maior equilibrio entre os dous instrumentos percutivos.

No parche inferior (antigamente no superior), leva uns bordóns (corda redobrante) xeralmente de tripa (tempos atrás era unha cordiña de fíos de liño ou fío do que se emprega na construción das redes), co fin de acadar maior resonancia e un efecto de "redobre".

O xeito de tensar a pel é a través duns pequenos torniquetes de coiro, suxeitos cada dúas cordas ao redor do tamboril. Estes, ao tirar deles, tensan a corda tirando así tamén dos aros, superior e inferior, onde van suxeitos os parches que tamén se tensan.

Había quen o suxeitaba cunha correa, cinta ou corda, á man esquerda ou ao antebrazo á altura da cadeira. Este xeito de suxeición xa se empregaba no medievo e aínda se segue a empregar en distintas rexións cando o mesmo tamborileiro toca tamén a frauta. Ex. txistu vasco.

 

Frauta e tambor na miniatura n.º 370 das Cantigas de Santa María de Afonso X O Sabio. S.XIII.

Cando o tamborileiro toca unicamente o tamboril, este xeito tradicional de suxeición dificulta a técnica (sobre todo nos redobres), polo que hoxe raramente se emprega. O normal, é a suxeición ao corpo cunha bandoleira ou ben un cinto ou correa atada á cintura, na que se colga o tamboril, a través dunha peza de metal que os artesáns instalan no propio instrumento.

Para tanxelo cómpre un par de baquetas, hoxe, fabricadas en distintas madeiras de gran dureza como buxo, granadillo pausanto, ébano...

A man esquerda, coa palma cara arriba, suxeita a baqueta co polgar ao tempo que esta descansa no dedo medio ou anular.

A man dereita, coa palma cara abaixo, suxeita a baqueta co polgar e índice apoiando se é preciso no resto dos dedos.

Para que o rebote da baqueta sexa o ideal, é moi importante saber elixir o punto por onde a suxeitamos.

Pódese variar a zona do parche onde se percute, ou tamén tanxer no aro de madeira ou mesmo no corpo ou nas cordas; todo depende do timbre ou efecto que se busque.

O tamborileiro xunto co bombeiro, deben coidar moito os reguladores de intensidade, pois é aí onde se ve a calidade interpretativa (dando por suposta unha boa técnica en cada instrumento) no acompañamento da gaita, cousa que os cuartetos clásicos están a ter cada vez máis en conta.

 

 

Faustino Santalices, fillo e pai con tambor de parafusos e gaita respectivamente. Prieto 1949.

 

Aínda que o tamboril pertence aos instrumentos de percusión de altura indeterminada, o certo é que se pode e se debe afinar.

Algúns autores din que debe ir en conxunción co ronco da gaita.

Faustino Santalices concreta máis esa conxunción dicindo que debe afinar ao unísono coa tónica do punteiro.

É un instrumento que aínda que tamén se podía empregar nas cortes, xa desde a antigüidade se asociou á música festeira tocada ao aire libre, e o frecuente era que se empregara, coma hoxe, no acompañamento de danzas e cantigas populares.

 

 

  • Caixa

          

 

A caixa é unha variante do tambor.

A maioría das alusións literarias mostran unha vinculación do vocábulo a un uso militar, incluso coa expresión "caixa de guerra".

A partir do século XV, os tambores tiveron unha clara función nas accións bélicas e a súa presenza incrementouse nos desfiles militares para marcar o ritmo. É entón cando se lles empeza a chamar "caixa".

Nas formacións tradicionais empézanse a empregar a mediados do século XX posiblemente influenciados polas bandas de música e coa chegada dos bailes agarrados, tendo moi boa acollida entre os tamborileiros da época pola súa potencia para espazos abertos, comodidade e resistencia no tensado das peles e facilidade para os redobres.

Os Feixós de Carpazás, Bande 1985. Caixa  e bombo de parafusos con pratos.  Foto Montero.

 

O seu corpo pode ser de madeira ou metal con tensores de rosca metálicos.

En lugar de pel, hoxe adoita levar parches sintéticos e varios bordóns que adoitan ser de metal, antigamente de tripa.

Normalmente ten maior diámetro que o tamboril actual e moito menos fondo.

Percútese tamén con baquetas coma o tamboril.

Hoxe nalgunhas formacións de bandas de gaitas, estase a empregar un tipo de caixa con forma cilíndrica e dunhas características que imitan o estilo escocés. Producen un son seco, estridente e de maior intensidade.

 

 

  • Bombo

      

 

 

O bombo non é máis que un tambor de gran tamaño. 

Para algúns autores o termo deriva do grego bumbos, barullo, ou aínda do latín bombu.

Existen diferentes formas, tamaños e nomes segundo os distintos países e incluso rexións que o empreguen.
A súa orixe remóntase ás primeiras civilizacións, e xa na Idade Media, baixo o nome de "atabal", era empregado nas fanfarrias, transportado nas costas dun home para que outro situado detrás o tocara. 

É a finais do século XIX cando se empeza a empregar no acompañamento da gaita polo que podemos dicir que é un instrumento de recente incorporación na música tradicional galega.

Está formado por un cilindro oco de madeira (piñeiro, nogueira…) e dous aros tamén de madeira a cada lado onde se suxeitan os parches de pel que son tensados por cordas ou tamén por parafusos.

As peles teñen distinto grosor, sendo a que se golpea coa maza a máis grosa.

Percútese cunha maza de cabeza redondeada e feita dun material máis brando. Tamén en ocasións, como no caso das treboadas, se empregan bombos de maior tamaño tanxidos con dúas mazas.

 
 

Bombos empregados nas treboadas no Baixo Miño.

Para tocalo, debe estar posicionado diante do instrumentista, en contacto seu co abdome. Pódese tocar en marcha colgándoo dunha correa que apoia no ombreiro (no caso dun pasarrúas, procesión...), ou ben descansar sobre un pequeno cabalete.

Coa aparición dos bailes agarrados, algúns bombeiros engaden pratos para marcar os contratempos coa man esquerda.

O seu son potente e grave, fai un acople perfecto co tamboril e coa gaita.

A súa función principal é a de marcar os tempos fortes, aínda que é nos contratempos, e nos cambios de matiz e intensidade,  onde ten a graza e se ve a calidade do intérprete.

A gaita, polas súas características, non pode facer cambios de intensidade, mais si o bombeiro e o tamborileiro, e son eles os que deben xogar con eses matices para darlle máis vida ás pezas; e aí é precisamente onde se ve o traballo e a calidade do grupo.

Os Montes de Lugo a mediados do s.XX.

Aínda que se acostuma incluír dentro das percusións de altura indeterminada, o certo é que o bombo é posible afinalo, e débese de facer na tónica da gaita, coma o ronco.

 

 

 

 

  • Pandeiro

         

 

A denominación galego-portuguesa "pandeiro", como normalmente se coñece en Galicia este instrumento, está documentada a partir do século XVI. Procede do latín "pandorius" variante de "pandura", e este do grego "pandoura".

En Portugal coñécese co nome de "adufe", como nalgunhas zonas raianas de Galicia.

Esta denominación procede do "duff" árabe, que en castelán pasa a ser "adufe", denominación que comparte ca de "pandero" até o século XVII.

O pandeiro cadrado foi moi empregado na Europa medieval como dan fe varias representacións iconográficas, aínda que as súas orixes se remonten varios milenios antes de Cristo na Asia Menor ou Exipto, onde se empregaban xa instrumentos con este tipo de marco.

En Galicia témolo representado nun capitel da igrexa de San Martiño de Agudelo (Barro, Pontevedra, s.XII), e no tímpano da igrexa de San Miguel do Monte (Chantada, Lugo, s.XIII).

Así pois, o noso pandeiro, consta dun marco cadrado de madeira de tamaño variable e biselado por fora, que se reviste cunha pel de cabrito dobrada por un lado e logo é cosida polos outros tres.

No seu interior leva uns axóuxeres incrustados en ocos no marco ou colgados dunha corda de tripa, que soan ao percutilo e danlle un aquel característico.

Adoita ter unha correa de coiro para suxeitalo, e algúns cólgano do pescozo para ter máis independencia nas mans. A xente que o coloca deste xeito, percute coa punta dos dedos ou co puño, achegándoo ou separándoo do corpo segundo o timbre ou sonoridade que se desexe acadar.

Ideal para acompañar á voz especialmente nas pandeiradas, canto característico galego que leva o seu nome, pero tamén a calquer outro instrumento.

VOLVER